Monday 29 de April de 2024

Preto de cen arqueiros participarán este sábado no “XVIII Trofeo de tiro con arco en sala Cidade de Narón”


O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Anxo Grandal e Víctor Matesanz, vicepresidente e tesoureiro respectivamente do Club Arco Narón, a décimo oitava edición do “Trofeo de tiro con arco en sala Cidade de Narón”. Preto dun centenar de arqueiros chegados das catro provincias galegas participarán nesta convocatoria, tal e como indicaron, que se desenvolverá este sábado nas instalacións do pavillón municipal Campo da Serra.
Dende o club local indicaron que esta será a primeira ocasión na que se convocarán en Narón dúas novas caetgorías, unha para persoas con deficiencias visuais, na que participarán dúas persoas do club naronés e outra dun de Valdoviño, e outra de persoas con deficiencias intelectuais, con dúas persoas participantes tamén do club naronés. Grandal indicou que participará tamén na convocatoria o arqueiro pontés Miguel Alvariño, “mellor arqueiro de España de todos os tempos con moita diferencia”.
Os participantes convocados, pertencentes a quince clubs galegos, representarán a todas as categorías, dende os 9 ata os 70 anos, nesta ocasión. Os menores tirarán dende unha distancia de 12 metros, se ben o resto faráo dende 18. O torneo disputarase en horario de mañá e tarde, a partir das 9:30 e dende as 15:00.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou o labor do club Arco Narón “e o voso exemplo no mundo da inclusión no ámbito deportivo, moi importante e esencial na nosa sociedade”. O edil desexoulles moita sortea os deportistas locais e animou aos integrantes do club local a continuar traballando como nos últimos anos “para que Narón continúe ofrecendo o mellor do deporte nas diferentes modalidades”.